Guía de hardware
Escoller un dispositivo compatible
Escolle primeiro o formato que che resulte práctico, comproba a compatibilidade exacta e valora o conxunto completo antes de mercar.
Contido actualizado o 21 de agosto de 2026.
Paso 1
Como vas utilizar o nodo?
Non existe un dispositivo mellor para todo. Para empezar é máis útil pensar no formato, na autonomía e na forma de interactuar co nodo que intentar escoller de entrada unha categoría pechada.
Quero aprender e facer probas
Unha placa económica permite instalar firmware, cambiar a configuración e probar accesorios con liberdade. A cambio, normalmente terás que engadir alimentación, antena e caixa.
Quero levalo comigo
Un dispositivo xa rematado con caixa, batería e, segundo o modelo, pantalla ou GPS resulta máis cómodo para saír con el e empezar sen montar tantas pezas.
Quero boa autonomía
Unha plataforma de baixo consumo pode ser máis axeitada se vai funcionar durante moitas horas, con batería ou nunha futura instalación solar.
Quero utilizalo sen depender do móbil
Un terminal con pantalla e teclado permite interactuar directamente coa rede, aínda que aumenta tamaño, consumo, complexidade e prezo.
Non configures un router só porque exista esa opción
Un router ou repetidor pode ser tamén un dispositivo pequeno ou persoal, pero ese rol debe usarse cando a súa localización e funcionamento realmente achegan cobertura útil. Un nodo portátil ou situado nun lugar pouco axeitado pode prexudicar máis ca axudar se se configura como infraestrutura sen necesidade.
Paso 2
Comproba a compatibilidade exacta
Non escollas un equipo só polo nome comercial ou pola foto. Unha mesma familia pode ter distintas revisións, radios, conectores e variantes de frecuencia.
- Rede
- Meshtastic ou MeshCore
- Frecuencia
- Variante europea de 868 MHz
- Hardware
- Nome e revisión exactos da placa
- Firmware
- Debe aparecer no flasher oficial da rede escollida
- Antena
- Conector e adaptadores compatibles co dispositivo
- Alimentación
- Tensión, conector e polaridade compatibles
868 MHz non é un axuste de software
Para participar nas redes de Galicia necesitas hardware preparado para a banda europea. Unha variante de 915 MHz non se converte nun equipo de 868 MHz cambiando a rexión na aplicación.
Un firmware cada vez
Un dispositivo compatible coas dúas tecnoloxías executa normalmente unha delas. Para cambiar de rede debes volver flashealo e configuralo.
A revisión da placa importa
Dous equipos cun nome parecido poden empregar compoñentes distintos. Selecciona sempre o modelo exacto no instalador.
Comproba o soporte antes de mercar
As familias desta guía son orientacións. Antes da compra, confirma no proxecto correspondente que o modelo e a revisión exactos están soportados e que existe o firmware que necesitas.
Paso 3
Formatos habituais para empezar
Estes son exemplos de formatos habituais, non unha clasificación nin unha lista de compras. Hai moito máis hardware compatible e o soporte pode cambiar co tempo.
Placa económica · Heltec LoRa 32 V3 ou V4
É unha forma barata de aprender, probar configuracións ou montar o teu propio nodo. Require normalmente caixa, alimentación e unha antena axeitada.
Plataforma de baixo consumo · RAK WisBlock
O RAK4631 cunha base compatible é unha opción modular e eficiente, especialmente interesante cando a autonomía ou unha instalación con batería ou solar son importantes.
Tracker compacto · SenseCAP T1000-E e similares
Integra radio, batería e caixa nun formato pequeno pensado para levar contigo. É unha opción interesante cando buscas autonomía e portabilidade sen necesitar pantalla nin teclado.
Portátil con pantalla · LILYGO T-Echo e similares
Ofrece un equipo xa montado con batería e pantalla nun formato portátil. Pode resultar máis cómodo ca unha placa espida se queres empezar sen preparar caixa e cableado.
Terminal autónomo · T-Deck e similares
Engade pantalla e teclado para poder interactuar directamente coa rede. É máis completo, pero tamén máis grande, caro e complexo ca unha placa básica.
Os nomes comerciais non son garantía suficiente. Comproba sempre o modelo, a revisión, a frecuencia, o conector da antena e o soporte actual no proxecto correspondente antes de facer o pedido.
Paso 4
Calcula o kit completo
Unha placa barata pode necesitar varios elementos adicionais. Compara o custo e a dificultade do conxunto, non só o prezo do dispositivo principal.
- Antena
- Axustada a 868 MHz e co conector correcto
- Cable USB
- Debe permitir datos, non só carga
- Alimentación
- USB ou batería compatible para a primeira proba
- Batería
- Tensión, polaridade, tamaño e conector correctos
- Caixa
- Necesaria nas placas espidas e no exterior
- Adaptadores
- SMA, RP-SMA ou U.FL segundo o equipamento
- Montaxe exterior
- Soporte, selado, prensaestopa e protección ambiental
- Acceso posterior
- Posibilidade de cargar, reiniciar e actualizar o nodo
Non conectes unha batería só porque o conector encaixa
Comproba a tensión e a polaridade indicadas polo fabricante. Dous conectores fisicamente iguais poden ter os cables positivo e negativo colocados de forma distinta.
Conecta a antena antes de transmitir
Non deixes que o equipo transmita sen unha antena compatible e correctamente conectada. Unha antena inadecuada tamén pode reducir moito o rendemento.
Paso 5
Cantos nodos necesitas?
Para empezar abonda cun dispositivo. Ter dous ou máis pode ser útil para experimentar, comparar configuracións ou cubrir necesidades distintas, pero non é un requisito para participar.
Un nodo pode ser suficiente
Se xa hai rede ao teu redor, podes aprender a configurar o dispositivo, recibir tráfico e participar sen mercar un segundo equipo.
Dous nodos facilitan as probas
Permiten probar mensaxes, comparar antenas ou localizacións e distinguir mellor un problema do teu equipo dunha falta de cobertura.
Podes combinar formatos diferentes
Un portátil e unha placa económica poden traballar xuntos se empregan a mesma tecnoloxía e unha configuración de radio compatible. Non teñen que ser dous modelos iguais.
O rol configúrase segundo a necesidade
Un dispositivo persoal tamén pode configurarse como router ou repetidor cando o firmware o permita. O que determina se esa configuración ten sentido é a localización, a cobertura que achega, a alimentación e a estabilidade do nodo, non que o hardware pertenza a unha suposta categoría de infraestrutura.
Máis routers non significa automaticamente unha rede mellor
Nunha rede mesh convén reservar os roles de infraestrutura para nodos e localizacións que realmente os necesiten. Antes de cambiar o rol, revisa as recomendacións da rede e a situación da túa zona.
Paso 6
A antena e a localización completan o nodo
A altura, a colocación, o relevo e unha antena axeitada adoitan influír máis no resultado ca mercar a placa máis cara.
A guía específica explica os tipos de conector, o cableado, a colocación interior ou exterior e como avaliar o rendemento antes de preparar unha instalación permanente.
Para empezar
Escolle un dispositivo que poidas entender e manter
Non necesitas o equipo máis caro nin unha instalación permanente. Comproba a compatibilidade, empeza cun formato que che resulte cómodo e aprende como funciona a rede antes de complicar o nodo.
