Estes días estivemos traballando bastante no Mapa de Mesh Noroeste e xa están publicados varios cambios importantes, especialmente na parte de MeshCore.
Hai melloras visibles na interface, novas formas de consultar as conexións e bastante traballo por debaixo para aproveitar mellor os datos que estamos recibindo desde MeshCore Hub.
Abrir o Mapa de Mesh Noroeste →
Máis información desde MeshCore Hub
A integración co Hub de Mesh Galicia permítenos aproveitar agora as recepcións dos observers.
Na ficha dun nodo podemos consultar que observers o escoitaron e, desde a ficha dun observer, que nodos recibiu. Tamén utilizamos esas recepcións para destacar actividade recente.
Isto resulta especialmente útil para comprobar ata onde está chegando a rede desde distintos puntos de Galicia. Un nodo pode ser recibido por varios observers ou aparecer unicamente nun deles, e esa diferenza tamén nos proporciona información sobre a cobertura.
Rutas de MeshCore máis completas
Ampliamos tamén a información que podemos representar sobre as rutas de MeshCore.
O mapa conserva agora a dirección das rutas observadas e diferencia entre percorridos completos e fragmentos. Cando os datos indican que falta unha parte do percorrido, ese oco aparece representado no mapa.
Deste xeito podemos consultar o que realmente observaron os distintos puntos da rede e identificar con máis facilidade cando a información dispoñible sobre unha ruta é parcial.
Engadimos tamén os datos de NeighborInfo, que permiten representar relacións de veciñanza observadas entre nodos MeshCore.
Todo isto permite estudar a rede desde perspectivas diferentes: quen recibe un nodo, por onde aparecen determinadas rutas e que relacións de veciñanza estamos observando.
Meshtastic e MeshCore, máis ordenados
Co aumento do número de conexións dispoñibles, reorganizamos tamén os controis do mapa.
As conexións aparecen agrupadas segundo correspondan a Meshtastic ou MeshCore, facendo máis cómodo activar e desactivar as capas que queremos consultar.
Mantemos así a filosofía coa que estamos desenvolvendo o mapa: cada persoa pode seleccionar a información que necesita en cada momento en lugar de cargar simultaneamente todas as relacións dispoñibles.
Tamén simplificamos algúns controis e retiramos opcións que xa non tiñan utilidade no estado actual do mapa.
Nova capa «Limpo»
Outra novidade bastante visible é a incorporación dunha terceira capa base.
Xunto ás vistas Mapa e Satélite aparece agora Limpo, cun fondo moito máis discreto e sen as etiquetas habituais de localidades e estradas.
Resulta especialmente cómoda cando queremos analizar rutas ou veciñanzas. Con moitas conexións activas, reducir a información do mapa base facilita seguir as liñas e localizar os nodos.
Mapa, Satélite e Limpo quedan dispoñibles para cambiar entre elas en calquera momento.
Tamén houbo traballo por debaixo
A actualización inclúe varias correccións relacionadas coa recollida, conservación e publicación dos datos de MeshCore.
Revisamos o tratamento das rutas e de NeighborInfo, reducimos a información que necesita cargar o proceso de publicación e endurecimos algunhas partes do frontend.
Entre outras medidas, os nomes utilizados nos tooltips reciben agora un tratamento máis estrito e as dependencias externas de Leaflet contan con comprobación de integridade.
Son cambios bastante menos vistosos que unha nova capa do mapa, pero importantes a medida que aumentan as fontes e a cantidade de información que procesamos.
Agora necesitamos máis observers
Boa parte das novas posibilidades que temos con MeshCore dependen dunha cousa moi sinxela: ter puntos desde os que escoitar a rede.
Actualmente xa temos varios observers colaborando co Hub de Mesh Galicia, pero queremos ampliar a cobertura.
Cantos máis observers teñamos distribuídos polo territorio, máis información poderemos obter sobre as recepcións, a actividade dos nodos e as rutas que estamos vendo.
E non se trata de competir por colocar o observer que reciba máis lonxe. Un punto de observación nunha zona que agora temos pouco cuberta pode achegar datos especialmente valiosos.
Para facilitar a participación preparamos unha guía completa para instalar un observer MeshCore Wi-Fi e conectalo directamente coa infraestrutura de Mesh Galicia.
Probamos o procedemento con Heltec V3 e V4.3, e a guía cobre desde a instalación inicial ata a configuración da Wi-Fi, MQTT, posición, adverts, actualizacións e recuperación mediante bootloader.
Se tes unha placa compatible dispoñible, podes deixala escoitando desde a casa e colaborar directamente cos datos que utilizamos no Hub e no mapa.
Instalar un observer MeshCore →
Cada observer novo dános outro punto desde o que mirar a rede. Se conseguimos repartilos por máis zonas de Galicia, as ferramentas que acabamos de incorporar ao mapa serán tamén moito máis útiles.
