Proba xeral NarrowFast en Meshtastic: Poñemos a rede a proba!

Tralo resultado da enquisa realizada no grupo de Telegram de MeshGalicia, acordouse levar a cabo unha proba xeral en NarrowFast. As guías de configuración xa están dispoñibles.

🧪 Un novo experimento para mellorar a nosa rede

Esta proba busca comprobar se podemos mellorar algunhas das limitacións actuais (especialmente a latencia e a capacidade de crecemento) mantendo a robustez dos enlaces e avaliando o comportamento da rede en Narrow.

🌐 Para isto, lanzamos o portal de datos mesh.gal/experiment, que recollerá de forma automática todos os datos proporcionados pola MQTT comunitaria do Zulo. Recomendamos a súa utilización.

👉 Preme aquí para ver como engadilo

✍️ Tamén estará dispoñible este formulario para pasar datos de forma manual. Estes serán engadidos ao portal de datos.

🔎 Todos os datos serán públicos e contrastables.

🚀 Por que NarrowFast?

Un preset Narrow demostrou ser eficaz noutros sistemas, un claro exemplo témolo aquí con MeshCore, e tamén con Meshtastic noutros lugares da Península. Este é tamén un preset oficial incluído na futura versión 2.8 do firmware.

Preset: Custom
Bandwidth: 62
Spreading Factor: 7
Coding Rate: 6
Frequency Override: 869.441650
Canal principal: NarrowFast · AQ==

Ademais, con NarrowFast estaremos usando o slot 1, polo que non pisamos a nosa rede MeshCore (slot 3). Deste xeito as dúas redes saen fortalecidas.

⚙️ Abrir guía de configuración

🎯 Que debemos demostrar?

Durante a proba queremos comprobar se conseguimos replicar os resultados das probas a menor escala:

📶 Un alcance similar a LongFast
📈 Melloras no SNR e RSSI
Menor latencia
📉 Menor ocupación da canle
🛡️ Maior resistencia de certos nodos fronte ás interferencias
🔋 Menor consumo, sobre todo nos nodos con moito tráfico

🔬 Que hai detrás de NarrowFast?

Estes beneficios lógranse grazas á división da frecuencia en tres slots estreitos, contando ademáis con salvagardas entre eles.

Isto permite ser máis selectivos no envío e recepción, evitando parte do ruído de fondo e obtendo un balance equilibrado entre alcance e velocidade.

📅 Data das probas

As probas comezarán o 5 de setembro e prolongaranse durante un mes.

Unha vez rematado o período de probas, e cos datos sobre a mesa 📊, votaremos para decidir se quedamos con NarrowFast ou se, pola contra, voltamos a LongFast.

🤝 Grazas por facer rede.
🌐 Grazas por experimentar, medir e compartir os datos.

Volver aos avisos