📡 Proposta de ampliación da proba xeral: NarrowFast + SFNarrow

🧪 Proposta de ampliación

Dados os bos resultados acadados ata o de agora coa proba NarrowFast, e antes de tomar unha decisión baseada na testaxe dun único preset, propoñemos ampliar a proba xeral actual, incorporando tamén a testaxe do preset SFNarrow. A proposta xorde das suxestións de membros do grupo e segue as recomendacións da Comunidade Meshtastic España, baseadas na súa propia experiencia.[1][2] 

O obxectivo é probar ambos os presets de maneira simultánea e en igualdade de condicións, para comparar e avaliar as posibles diferenzas en alcance, taxa de entrega, latencia, SNR, estabilidade, airtime, etc. Así contaremos con máis elementos de xuízo para determinar cal é o preset máis axeitado á nosa singularidade radioeléctrica e orográfica, tendo en conta o estado actual de desenvolvemento da malla.

 

📻 Un pequeno apuntamento sobre presets

Convén lembrar nesta proposta que os presets son só agrupacións de parámetros de modulación de radio baixo un mesmo nome de convención, sen que impliquen unha frecuencia específica asociada. Algúns veñen xa predefinidos no mesmo Firmware de Meshtastic, como o tradicional LongFast (Rexión EU_868, BW250kHz, SF11 e CR5),[3] ou o máis moderno NarrowFast (Rexión EU_N_868, BW62.5kHz, SF7 e CR6)[3] e outros son simplemente conceptos creados ad-hoc por algún grupo experimental como pode ser o SFNarrow (Rexión Manual, BW62.5kHz, SF7 e CR5).[1]

En LoRa, estes presets combinan principalmente tres parámetros de modulación: Ancho de Banda (BW), Factor de Dispersión (SF) e Taxa de Codificación (CR). Modificando estes valores podemos facer que un mesmo dispositivo radioeléctrico priorice unhas características ou outras, como pode ser unha maior velocidade de transmisión ou un maior alcance e sensibilidade, a costa de precisar máis tempo para transmitir cada paquete. O BW inflúe directamente na velocidade de transmisión, o SF ten especialmente un papel importante na sensibilidade do enlace, namentres que o CR engade redundancia para mellorar a tolerancia a erros e interferencias.[4]

 

⚖️ Non existe un preset máxico

Habitualmente, pretender mellorar un aspecto implica inevitablemente ter que ceder noutro. Por iso, non pode afirmarse nunca que un preset sexa superior sen antes ter claro que é o que se busca ou cales son as prioridades.[5] Non existe un preset máxico: o máis axeitado será o que cubra os requisitos mínimos de cada caso da mellor forma posible.

 

📈 Resultados preliminares de NarrowFast

Neste sentido e sobre esta mesma proba de preset NarrowFast que levamos executando dende o día 5 de setembro, a pesar dos bos resultados preliminares colleitados na maioría dos casos en relación a velocidade, descenso de colisións, maior taxa de entrega de mensaxes, mellor capacidade de xestión remota dos nodos, ampliación de cobertura sobre zonas que antes eran sombra permanente, etc. non menos relevante é ter observado, tal e como se agardaba ó reducir o SF de 11 a 7 (-2.5dB x 4 = -10dB)[6] e non dar compensado pola reducción de BW (+3dB x 2 = +6dB),[6] que moitos dos enlaces máis precarios que previamente se mantiñan de forma intermitente en LongFast agora non son posibles.

Afortunadamente e no noso caso, isto serviunos precisamente para evidenciar e identificar esa precariedade e actuar en consecuencia na mellora da rede nos enlaces máis distantes e críticos.

 

🧭 SFNarrow: probas, limitacións e evolución

Revisando a documentación dispoñible sobre probas anteriores de SFNarrow, podemos verificar que alomenos foi testado nas frecuencias 869.5563 MHz (Inicio 19/01/26),[1] 869.6188 MHz (Inicio 14/03/26),[2] 869.4313 MHz (Inicio 28/03/26)[2] e de novo en 869.6188 MHz (Inicio 02/05/26)[2] correspondentes ós slots #3, #4, #1 e #4 respectivamente sobre unha división espectral teórica da banda EU_868 en 4 carrís contiguos.

Máis aló das vantaxes obvias que se extraen da comparación do preset SFNarrow cos anteriormente empregados como LongFast ou MediumSlow, a documentación pon de manifesto as limitacións existentes nesa subdivisión espectral sen bandas de garda.[1][7] Aínda que esta configuración permite teoricamente a definición de catro canles independentes, o seu uso simultáneo pode comprometer a coexistencia radioeléctrica entre canles adxacentes debido ás emisións fóra de banda, á selectividade finita dos receptores e á posible desensibilización causada por sinais de alta potencia próximos. En determinadas condicións, estes efectos poden provocar interferencias e mesmo a detección errónea de paquetes entre canles adxacentes, feito este que tamén aparece sinalado na documentación en máis dunha ocasión como consideración técnica e limitación actual.[1][7]

Na mesma documentación tamén se fai referencia a como se está a traballar dende o grupo de desenvolvemento de Meshtastic.org para atopar unha solución a este problema. Coméntase como unha acción futura e no horizonte o desenvolvemento dunha rexión oficial denominada NARROW_868 orientada precisamente ós presets estreitos de 62.5 kHz de BW na que se plantexa unha distribución en tres canles con bandas de garda en lugar dos catro slots contiguos usados provisionalmente en modos de presets experimentáis. Este plantexamento apunta a priorizar a coexistencia radioeléctrica e a fiabilidade das comunicacións actuáis e, sobre todo futuras, fronte ó aproveitamento teórico máximo do espectro dispoñible.[1][7]

 

🏛️ NARROW_868, a nova rexión oficial europea orientada a presets estreitos

Na actualidade, esa rexión NARROW_868 (EU_N_868 ou EU868_N) xa é unha realidade totalmente incorporada no firmware de Meshtastic dende a versión v2.8.0 e, ata o de agora, a única solución oficial para tratar cos presets estreitos, o que significa que o problema orixinado pola división provisional buscando o máximo aproveitamento teórico atópase de momento resolto.[3][8][9]

Sobre esta mesma base é sobre a que se plantexou inicialmente neste grupo de Mesh Galicia o test actual de NarrowFast, un preset que, ademáis de ser equivalente radioeléctricamente a SFNarrow, encaixa perfectamente nesta nova banda oficial creada para modos estreitos que ata o de agora, non foron máis que presets experimentáis. O mesmo preset NarrowFast é un preset oficial que acompaña, xunto a NarrowSlow, esta nova rexión creada específicamente para ser compatible coa lexislación europea.[3][8][9]

 

🔬 Incorporación do preset SFNarrow

Por todo o anterior e seguindo parámetros comparativos empregados ampliamente neste tipo de probas,[1][2][10] propoñemos a incorporación do preset SFNarrow sobre a mesma frecuencia que estamos empregando actualmente no test de NarrowFast, correspondente ó slot #1 da rexión oficial NARROW_868, para así poder comparar en igualdade de condicións e simultaneamente as diferenzas de rendimento valorando as características xa sinaladas e calquera outra que sexa de interese. Ademáis, como previamente comprobamos, este preset experimental nunca antes foi testado nesta frecuencia o que tamén aportará novas evidencias do seu comportamento. Nunha comparativa simultánea e na mesma frecuencia, as diferenzas observadas poderán atribuirse principalmente ós cambios no preset, minimizando a influencia de factores ambientais que poderían alterar os resultados e dificultar a identificación das causas reais.

 

 

🔄 Compatibilidade

Cómpre aclarar que ambos presets son totalmente compatibles radioeléctricamente falando, xa que comparten tanto ancho de banda (BW) coma factor de dispersión (SF), que son os parámetros que determinan realmente as diferenzas de modulación. A taxa de codificación (CR), como comentamos anteriormente, engade redundancia para mellorar a tolerancia a erros e interferencias.[3]

 

⚙️ Resiliencia fronte a velocidade

A priori, un CR máis alto favorece unha maior taxa de entrega de mensaxes en contornos ruidosos ou con enlaces cuxo nivel de sinal está perto do límite de recepción. Por contra, e lembrando que as vantaxes sempre teñen un custo, supón unha redución de velocidade na rede. No caso que nos ocupa, a diferenza é menor: falamos dun CR 4/6 para NarrowFast e dun CR 4/5 para SFNarrow.[6] Resiliencia fronte a velocidade.

 

🤝 Convivencia dos dous presets

Todo isto significa que ambos presets poden coexistir simultaneamente sen ter que reconfigurar a rede nin cortar ou mudar os enlaces actuáis. Os nodos poderán comunicarse entre si con total normalidade variando simplemente esas condicións que comentabamos: a resiliencia fronte a enlaces moi ruidosos ou no límite de sinal fronte a un lixeiro incremento de velocidade. As diferenzas reáis só poderán ser estimadas logo de recoller os datos desta nova proba e comparalos cos datos da proba actual onde só se está a medir e valorar NarrowFast. Aquí o obxectivo principal desta proposta.

 

🪜 Unha proba gradual, voluntaria e de impacto mínimo

A proposta non require cambiar o preset de tódolos nodos da rede, nin tampouco ó mesmo tempo. Abonda con seleccionar unha parte deles para realizar unha proba comparativa, mantendo o resto coa configuración actual. Calquera que desexe participar para sacar as súas propias conclusións pode facelo con total liberdade, podendo permitirse mudar dunha configuración a outra e voltar á mesma para poder comparar as diferenzas cantas veces precise. Deste xeito, redúcese o impacto sobre o funcionamento habitual da rede e evítanse cambios xeneralizados antes de coñecer os resultados.

 

📡 Como participar na nova proba

Se a proposta é aceptada, todos aqueles que estén interesados en participar deberán seguir a guía de configuración creada a tal efecto para o cambio de preset dende NarrowFast (Ou dende LongFast se ainda non se fixo antes) a SFNarrow sobre a mesma frecuencia que se está usando agora mesmo, a correspondente co slot #1 da rexión oficial NARROW_868: 869.44165 MHz. O resto de participantes na proba actual non precisarán facer ningún cambio no seu preset, xa que continuarán a traballar sen pérdidas de enlaces, agás naqueles nos que esa diferenza de CR6 a CR5 supoña unha perda de conexión.[11]

 

📊 Impacto estimado da convivencia

Aínda que ámbolos presets son compatibles a nivel radioeléctrico, as diferenzas na taxa de codificación (CR5 fronte a CR6) poden provocar un comportamento distinto ante condicións de sinal difíciles, así como pequenas variacións nos tempos de transmisión. Durante a convivencia de ámbolos presets, non se descarta que poidan producirse efectos puntuais no rendemento dalgúns enlaces.

A estimación inicial sitúa por baixo do 5% o número de enlaces que poderían verse afectados. En calquera caso, se durante a proba se detectan problemas de comunicación, a persoa responsable do mantemento dos nodos implicados poderá restablecer o preset NarrowFast en calquera momento, recuperando a configuración anterior sen necesidade de modificar o resto da rede.

 

📅 Data e prazos propostos para a ampliación da proba

A proposta pode ser considerada tanto colectiva como individualmente de ahí que tanto o inicio coma o remate ou duración da mesma deben ser discutidos previamente.

 

 

🔗 Guía para a proba combinada SFN e NF

 

Referencias:

[1] Test SFNarrow en la Zona Centro: Divide y Vencerás
https://meshtastic.es/blog/test-sfnarrow-zona-centro/
[2] Múltiples tests SFNarrow en la Zona Centro
https://meshtastic.es/blog/mas-tests-sfnarrow/
[3] Meshtastic.org - Radio Settings
https://meshtastic.org/docs/overview/radio-settings
[4] Meshtastic.org - Is LongFast Holding Your Mesh Back? Better LoRa Presets for Bigger Meshtastic Networks
https://meshtastic.org/blog/why-your-mesh-should-switch-from-longfast/
[5] LoRa Optimization and Presets
https://deepwiki.com/meshtastic/meshtastic/8.1-lora-optimization-and-presets
[6] LoRa Calculator | Semtech
https://www.semtech.com/design-support/lora-calculator
[7] Levante y Sureste, ¡es vuestro momento! Únete a SFNarrow
https://meshtastic.es/blog/sfnarrow-levante-sureste/
[8] Meshtastic.org - 2.8 punchlist #10462
https://github.com/meshtastic/firmware/issues/10462
[9] Meshtastic.org - Enable Narrow and Lite regions for EU #10120​​
https://github.com/meshtastic/firmware/pull/10120
[10] Kit de Pruebas de Alcance LoRa para Meshtastic
https://github.com/Wildfire-Mesh/kit-de-pruebas-de-alcance-lora-para-meshtastic
[11] Meshtastic Range Guide: How Far Can LoRa Mesh Nodes Really Reach?
https://www.sdrstore.eu/meshtastic-range-guide-how-far-lora-mesh-nodes-reach/
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 



Volver aos avisos